Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Lousame inicia a construción dun novo parque infantil no Sanguiñal (Tállara), no que inviste máis de 44.000 euros


 

O Concello vén de dotar de equipamento o parque infantil de Camboño, no que se investiron case 18.000 euros, e acometerá en breve a mellora do parque infantil de Vilacova

O Concello de Lousame vén de iniciar as obras de construción dun novo parque infantil no Sanguiñal (Tállara), no que investirá 44.279 euros. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que ademais dos tradicionais xogos e solo de caucho, “levará unha tirolina e, co tempo, queremos cubrilo para que os nenos e nenas poidan xogar nel no inverno. Podemos facelo porque é unha zona abrigada e que se presta a facelo, noutros lados é moito máis complexo”.

O do Sanguiñal sería, deste xeito, o primeiro parque infantil cuberto do municipio, se ben Villaverde Pais sinala que se trata dun proxecto a longo prazo pois “antes de cubrir ese parque temos que dotar de columpios a San Xusto e Vilacova, que é onde actuaremos o vindeiro mes. Gustaríanos facer máis pero non podemos facelos todos á vez”. As obras teñen un prazo de execución de seis meses, se ben se agarda que poidan estar rematadas este mesmo verán.

Parque do Sanguiñal

O novo parque do Sanguiñal terá unha superficie de 231 m2, cun pavimento de seguridade continuo de caucho para protección fronte a caídas e con espesores variables, dependendo dos requirimentos de seguridade de cada un dos xogos instalados. Así, o novo parque infantil do Sanguiñal contará coa novidade dunha tirolina de aceiro inoxidable para usuarios a partir dos 4 anos, dotado dunha plataforma de saída e un asento de caucho que se desliza sobre unha altura de un metro.

Así mesmo, o parque disporá dun equipo combinado para nenos maiores de 3 anos formado por torre con tellado, muro de escalada, rede vertical de cordas e tobogán; un xogo de muelle individual con forma de pato e outro dobre con forma de polo; un columpio con asento-cesta para nenos de 2 a 8 anos e un columpio mixto de dúas prazas; e un trampolín de salto para nenos maiores de 3 anos. Todos os xogos asentaranse sobre unha base de formigón e cumprirán coa rigorosa normativa europea. Finalmente, colocaranse 24 metros de valado para o peche do parque en madeira de pino vermello do norte.

Esta actuación no Sanguiñal únese á realizada este mesmo mes de xuño na parroquia de Camboño, onde o Concello de Lousame investiu case 18.000 euros para dotar de novo equipamento a este parque infantil. Unha actuación acometida con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería e que permitiu dotar a este parque dun pavimento de seguridade continuo de caucho para protección fronte a caídas e catro xogos: dous de muelle, un columpio e un equipo combinado para nenos maiores de 3 anos formado por torre con tellado, muro de escalada, rede vertical de cordas e tobogán. Así mesmo, o Concello de Lousame agarda poder iniciar ao longo do próximo mes a renovación e mellora dos xogos do parque infantil de Vilacova.

Nos últimos catro anos o Concello de Lousame leva investidos máis de 200.000 euros na construción e mellora de parques infantís no municipio: no CPI Cernadas de Castro, no Punto de Atención á Infancia de Tállara, na Casa da Cultura e nas unitarias de Escabia e Béxeres.